martes, 25 de mayo de 2010

Ideais clásicos e módems á vista

A colaboración dos alumnos de Obradoiro de Aplicacións na Rede da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC co xornal Galicia Hoxe, chega case o seu fin con dous novos artigos. Eu estou de acordo con Manuel Rodríguez Santabaya en que os medios actúan cada vez máis como caixas de resonancia dos grandes poderes políticos, económicos e sociais que controlan boa parte deses medios de comunicación, que se volven cada vez menos imparciais por mor disto. A maior parte das noticias que vemos, lemos ou escoitamos responden a comunicados de prensa enviados directamente dende gabinetes de comunicación das grandes empresas para tentar entrar como sexa no temario. Sen embargo, cando o que se dá coñecer nestas notas non corresponde cos intereses do propio medio, por moito que interese á sociedade, non terá cabida dentro dos seus espazos.

Como xa se comentaba anteriormente e Alba Pinto volve a facer de novo referencia no seu artigo, é certo que unha gran parte dos medios de comunicación de tódolos soportes manipulan as informacións que aparecen neles ou directamente non as inclúen debido a que van contra os seus intereses. Pero tampouco nos podemos deixar levar e dicir que internet é o mellor. Non é así. Eu son a primeira que pensa que o futuro do xornalismo pasa por aí pero cos seus límites. Moito do que aparece na rede pode estar tan manipulado como calquera noticia dun xornal, e máis inda se temos en conta que calquera persoa pode publicar a información que sexa dentro das súas páxinas ou blogs.

martes, 18 de mayo de 2010

Os cambios do futuro xa están aquí

Tres novos compañeiros da clase de Obradoiro de Aplicacións na rede volven a comentar esta semana no diario Galicia Hoxe cal é a súa visión sobre o desconcertante futuro do xornalismo hoxe en día. Pódense ver os seus artigos no blog


Como xa comentaron outros compañeiros no seu momento, Gemma Regueiro Vega fala de que se os medios impresos sobreviviron á radio e á televisión malia o gran impacto que causaron no seu momento, por que motivo agora non debería ocorrer o mesmo? O certo é que, malia que isto ten as súas razóns, creo que nunca ata o momento apareceu un fenómeno tan importante como a internet. Todo o mundo en calquera parte do planeta pode entrar en páxinas como Wikipedia e cambiar o seu contido. Calquera pode crear un blog e subir as súas propias noticias. É aquí onde máis se ve a necesidade da figura do xornalista.


"É preciso mudar as súas estruturas, contidos e formas de facer para diferenciarse do resto" afirma Mercedes Rey. Quizais por este punto clave pase o futuro de moitos medios de comunicación: a diferenciación. Cando aparece un produto novo que nos deixa satisfeitos, volvemos a mercalo de novo; se non nos gusta, cambiamos a outro. Cos medios pasa o mesmo. Cando aparece algún que enche a nosa necesidade de saber e que nos dá a coñecer as noticias que a nós non interesan na realidade, volvemos a por el. Os medios deben facerse fortes e saber ofrecer ao público o que realmente lle interesa, nun mundo onde a especialización se fai cada vez máis forte.

Estou de acordo con Borja Golán Santín nisto pero cunha excepción. Claro que Internet pode ser moi útil para o xornalismo pero hai que ter en conta os seus peligros. Non é para ter medo e sentirse ameazado, pero hai que ter un certo control cos usos da rede e ter en conta que non todos os que escriben nela son profesionais do xornalismo. Ademais diso, por desgracia esa dependencia económica e política vai a seguir marcando o futuro da maioría de medios.

martes, 11 de mayo de 2010

Do escepticismo e outras historias

Unha semana máis, os compañeiros volven dar a súa opinión en Xornalismo no Futuro. Para comezar, Alba Chao amosa de certo xeito como o seu escepticismo inicial cara as novas tecnoloxías se foi disipando co paso dos anos. En principio, todos coñeciamos internet pero penso que non coa perspectiva comunicativa que hoxe en día todos vemos. Como ela di, a readaptación de cada medio e do xornalismo vai a ser fundamental para o futuro. E tamén, como non, claro que esta profesión vai ter futuro! Despois de tantos artigos, espero que ninguén o dubide nunca máis.

Como di Alba Naveira, todos vemos o que pasa pero non todos o sabemos contar do mesmo xeito. Ao longo destes catro anos de carreira, intentouse que nós coñeceramos cales son as claves á hora de narrar e facer chegar ao público as noticias que poden ser do seu interese. Os xornalistas non quedaremos fóra de xogo por moito que algúns intenten desbancarnos da nosa posición.

Eu tamén estou completamente dacordo co do intrusismo, un dos peores problemas do xornalismo hoxe en día. E xa non só do xeito que Fernando Barros cita; para min son peores esas personaxes que aparecen nos horarios de máxima audiencia a facer de todo menos periodismo. Digo isto debido a que, por desgracia, a maioría da sociedade asocia a esa xente cos figura dun xornalista cando en realidade non temos nada que ver. Cada un debería estar no lado da mesa que lle toque ocupar, e non realizando funcións que non lle son propias.

martes, 4 de mayo de 2010

Máis que unha profesión sen nada asegurado

Como di a venezolana Laura Torres Sánchez, a labor social do xornalismo paréceme algo imprescindible e unha das súas funcións básicas. Pero na realidade non é así e moitas veces atopámonos con follas e follas cheas de novas do que lle acontece a uns cantos privilexiados mentres que as minorías seguen sen ter o protagonismo que deberían.
Deixando ese tema aparte, Laura aposta pola web e eu tamén penso que o futuro está aí. Os medios existentes deben de adaptarse ós cambios que se están a producir para non quedar atrás na carreira de fondo que se está a correr dende uns anos cara aquí. Adaptarse ou morrer.

Cambiando de tema, creo que todos pasamos pola situación de Julia Fontenla Pedreira e eu persoalmente síntome identificada con todo o que di. O principio tódolos futuros xornalistas amosabámonos inquedos e con ganas de comernos o mundo pero pouco a pouco fómonos dando conta de que non todo é tan bonito como nos imaxinabamos. Sen embargo, penso que ese “espírito emprendedor” polo que aposta a de Vilagarcía segue presente en cada un de nós. Ese xornalismo crítico que se espera dun bo profesional vai a seguir acompañando os futuros periodistas pese a todo.

Tamén estou de acordo co que di Verónica López Oseira ó inicio do seu artigo. Quizais está habendo algún erro xa dende a formación dos futuros xornalistas. Quizais se forma a tanta xente que xa parece imposible que todos teñamos un traballo no que queremos. Por iso non nos vai a quedar máis remedio que loitar ou deixar o que nos interesa e acabar preparando unhas oposicións como xa fixeron moitos dos nosos predecesores.