martes, 25 de mayo de 2010

Ideais clásicos e módems á vista

A colaboración dos alumnos de Obradoiro de Aplicacións na Rede da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC co xornal Galicia Hoxe, chega case o seu fin con dous novos artigos. Eu estou de acordo con Manuel Rodríguez Santabaya en que os medios actúan cada vez máis como caixas de resonancia dos grandes poderes políticos, económicos e sociais que controlan boa parte deses medios de comunicación, que se volven cada vez menos imparciais por mor disto. A maior parte das noticias que vemos, lemos ou escoitamos responden a comunicados de prensa enviados directamente dende gabinetes de comunicación das grandes empresas para tentar entrar como sexa no temario. Sen embargo, cando o que se dá coñecer nestas notas non corresponde cos intereses do propio medio, por moito que interese á sociedade, non terá cabida dentro dos seus espazos.

Como xa se comentaba anteriormente e Alba Pinto volve a facer de novo referencia no seu artigo, é certo que unha gran parte dos medios de comunicación de tódolos soportes manipulan as informacións que aparecen neles ou directamente non as inclúen debido a que van contra os seus intereses. Pero tampouco nos podemos deixar levar e dicir que internet é o mellor. Non é así. Eu son a primeira que pensa que o futuro do xornalismo pasa por aí pero cos seus límites. Moito do que aparece na rede pode estar tan manipulado como calquera noticia dun xornal, e máis inda se temos en conta que calquera persoa pode publicar a información que sexa dentro das súas páxinas ou blogs.

martes, 18 de mayo de 2010

Os cambios do futuro xa están aquí

Tres novos compañeiros da clase de Obradoiro de Aplicacións na rede volven a comentar esta semana no diario Galicia Hoxe cal é a súa visión sobre o desconcertante futuro do xornalismo hoxe en día. Pódense ver os seus artigos no blog


Como xa comentaron outros compañeiros no seu momento, Gemma Regueiro Vega fala de que se os medios impresos sobreviviron á radio e á televisión malia o gran impacto que causaron no seu momento, por que motivo agora non debería ocorrer o mesmo? O certo é que, malia que isto ten as súas razóns, creo que nunca ata o momento apareceu un fenómeno tan importante como a internet. Todo o mundo en calquera parte do planeta pode entrar en páxinas como Wikipedia e cambiar o seu contido. Calquera pode crear un blog e subir as súas propias noticias. É aquí onde máis se ve a necesidade da figura do xornalista.


"É preciso mudar as súas estruturas, contidos e formas de facer para diferenciarse do resto" afirma Mercedes Rey. Quizais por este punto clave pase o futuro de moitos medios de comunicación: a diferenciación. Cando aparece un produto novo que nos deixa satisfeitos, volvemos a mercalo de novo; se non nos gusta, cambiamos a outro. Cos medios pasa o mesmo. Cando aparece algún que enche a nosa necesidade de saber e que nos dá a coñecer as noticias que a nós non interesan na realidade, volvemos a por el. Os medios deben facerse fortes e saber ofrecer ao público o que realmente lle interesa, nun mundo onde a especialización se fai cada vez máis forte.

Estou de acordo con Borja Golán Santín nisto pero cunha excepción. Claro que Internet pode ser moi útil para o xornalismo pero hai que ter en conta os seus peligros. Non é para ter medo e sentirse ameazado, pero hai que ter un certo control cos usos da rede e ter en conta que non todos os que escriben nela son profesionais do xornalismo. Ademais diso, por desgracia esa dependencia económica e política vai a seguir marcando o futuro da maioría de medios.

martes, 11 de mayo de 2010

Do escepticismo e outras historias

Unha semana máis, os compañeiros volven dar a súa opinión en Xornalismo no Futuro. Para comezar, Alba Chao amosa de certo xeito como o seu escepticismo inicial cara as novas tecnoloxías se foi disipando co paso dos anos. En principio, todos coñeciamos internet pero penso que non coa perspectiva comunicativa que hoxe en día todos vemos. Como ela di, a readaptación de cada medio e do xornalismo vai a ser fundamental para o futuro. E tamén, como non, claro que esta profesión vai ter futuro! Despois de tantos artigos, espero que ninguén o dubide nunca máis.

Como di Alba Naveira, todos vemos o que pasa pero non todos o sabemos contar do mesmo xeito. Ao longo destes catro anos de carreira, intentouse que nós coñeceramos cales son as claves á hora de narrar e facer chegar ao público as noticias que poden ser do seu interese. Os xornalistas non quedaremos fóra de xogo por moito que algúns intenten desbancarnos da nosa posición.

Eu tamén estou completamente dacordo co do intrusismo, un dos peores problemas do xornalismo hoxe en día. E xa non só do xeito que Fernando Barros cita; para min son peores esas personaxes que aparecen nos horarios de máxima audiencia a facer de todo menos periodismo. Digo isto debido a que, por desgracia, a maioría da sociedade asocia a esa xente cos figura dun xornalista cando en realidade non temos nada que ver. Cada un debería estar no lado da mesa que lle toque ocupar, e non realizando funcións que non lle son propias.

martes, 4 de mayo de 2010

Máis que unha profesión sen nada asegurado

Como di a venezolana Laura Torres Sánchez, a labor social do xornalismo paréceme algo imprescindible e unha das súas funcións básicas. Pero na realidade non é así e moitas veces atopámonos con follas e follas cheas de novas do que lle acontece a uns cantos privilexiados mentres que as minorías seguen sen ter o protagonismo que deberían.
Deixando ese tema aparte, Laura aposta pola web e eu tamén penso que o futuro está aí. Os medios existentes deben de adaptarse ós cambios que se están a producir para non quedar atrás na carreira de fondo que se está a correr dende uns anos cara aquí. Adaptarse ou morrer.

Cambiando de tema, creo que todos pasamos pola situación de Julia Fontenla Pedreira e eu persoalmente síntome identificada con todo o que di. O principio tódolos futuros xornalistas amosabámonos inquedos e con ganas de comernos o mundo pero pouco a pouco fómonos dando conta de que non todo é tan bonito como nos imaxinabamos. Sen embargo, penso que ese “espírito emprendedor” polo que aposta a de Vilagarcía segue presente en cada un de nós. Ese xornalismo crítico que se espera dun bo profesional vai a seguir acompañando os futuros periodistas pese a todo.

Tamén estou de acordo co que di Verónica López Oseira ó inicio do seu artigo. Quizais está habendo algún erro xa dende a formación dos futuros xornalistas. Quizais se forma a tanta xente que xa parece imposible que todos teñamos un traballo no que queremos. Por iso non nos vai a quedar máis remedio que loitar ou deixar o que nos interesa e acabar preparando unhas oposicións como xa fixeron moitos dos nosos predecesores.

miércoles, 28 de abril de 2010

Imos cara ó ciberespacio??

Inxenua, soñadora e con metas espaciais. A verdade é que non ía tan mal encamiñada Karina Rivero Conde cando falaba de ser xornalista. A profesión está cada vez menos valorada e parece unha utopía conseguir o que os estudantes de Xornalismo soñamos algún día. Por eso, o fin dunha era parece estar xa á volta da esquina tal e como aventuran uns cantos malagoreiros. Pero non. O xornalismo é moito máis forte do que a xente pensa.

A estudante de 4º de Xornalismo de Xinzo que xa estivo de prácticas no Faro de Vigo, opina que a reconversión debe ser o camiño a seguir. Fala tamén da gran importancia que ten a publicidade e os anunciantes hoxe en día, xa que eles controlan boa parte do mercado nos medios de comunicación. E polo tanto, a financiación destes e o control. A moitos deles non lles quedou máis remedio que sucumbir ata o final contras estes xigantes; outros, preferiron morrer no intento pero con dignidade.

"Cara a onde imos?" é a pregunta coa que o mozo da Costa da Morte, Jorge Lema, inicia o seu artigo no Galicia Hoxe. O futuro incerto parece ser a tónica dominante en todos os que en pouco máis dun mes estaremos coa carreira acabada e sen saber que facer coas nosas vidas. Pero supoño que debemos pasar por eso. É necesario. Axúdanos a medrar como persoas e a facernos a idea de en que mundo nos estamos metendo.

Estou de acordo co de Malpica, que como apaixoada que é do deporte xa pasou por unha experiencia no diario As, en que a clave está en mellorar. Non nos podemos quedar de brazos cruzados esperando a que chova ou pase un milagro. Debemos actuar xa e facelo dun xeito que nos siga permitindo chegar ó lector como se facía antes e sen ten que cuestionar o que se fai, porque o xornalismo é unha profesión moi digna de admirar.

viernes, 23 de abril de 2010

O futuro xa está aquí

Dende que comecei a carreira de Xornalismo ata chegar ata este último ano, levo oíndo falar sobre o desconcertante futuro do xornalismo constantemente. Diversas teorías apareceron nos últimos tempos versando sobre as diferentes posibilidades que este podería ofrecer en tódolos ámbitos. E pese as diversas opcións que se ofrecen, parece que todo o anunciado como algo moi afastado xa está aquí. A influencia de internet parece ser o punto determinante para o futuro dos medios de comunicación xunto co aumento da participación cidadá, que está cada vez máis presente nos diferentes espazos xornalísticos. A pesares dos grandes avances que se dan no eido tecnolóxico, penso que a figura do xornalista vai seguir resultando imprescindible. Ben é certo que cada vez máis frecuentemente se realizan moitas tarefas do proceso de produción dun xeito mecánico, pero o labor dos profesionais do periodismo é incuestionable. É necesario modernizarse pero tamén que os xornalistas realicen a súa tarefa de ir máis alá dos feitos e de darlle un toque humano. Sen eles, o xornalismo non sería puro xornalismo.


Andrea Carcacía Hermilla

jueves, 22 de abril de 2010

Pesimismo, incerteza e intrusismo: cara onde vai o xornalismo?

A incerteza coa que Rocío Álvarez define o futuro do xornalismo parece predominar na opinión dos futuros xornalistas. Pero estou de acordo con ela en que, pese ao avance das novas tecnoloxías, o xornalista vai sobrevivir porque ten un papel que se fai necesario a pesar dos cambios. A mediación que debe facer este entre as fontes e os destinatarios das informacións vai a seguir resultando imprescindible por moito que cambie o panorama dos medios de comunicación.

Parece ser que Santiago Agra e eu compartimos certo pesimismo e que esa mala sorte imprégnanos demasiado. Mais como persoa non-optimista declarada que son, albergo un mínimo de esperanza sobre ese futuro incerto do que non paramos de falar. A lingua pode ser un factor clave para as relacións co resto do mundo, pero tamén é certo que para querer compartir o noso punto de vista dende Galiza, non nos entenderiamos a perfección con esas áreas que se cita; si de certo modo, pero non completamente.
” Buscar a verdade e contrastar a información que se publica”, con esas bases que propón Marta Rial non se debería nin plantexar a cuestión da supervivencia da figura do xornalista. Pero tamén é verdade que cada vez máis espazos dos medios de comunicación están sendo colonizados por xente que non ten nada que ver coa figura dun profesional da información. A supervivencia tampouco merece ser cuestionada dende o meu punto de vista. Polo momento, os xornais en papel non van a desaparecer.

jueves, 15 de abril de 2010

O disgusto do xornalismo

Parece ser que a nosa futura profesión segue a impresionar a xente como se non fose algo normal senón un traballo raro. Como Déborah Castro afirma no seu artigo para o Galicia Hoxe, a súa nai asustouse ante a idea de que ela estudiase xornalismo. Pero como ela cita nomeando o gran García Márquez, o xornalismo é o mellor oficio do mundo. Parece que a profesión está en peligro pero optar pola veracidade e a deontoloxía son boas bases de partido e se se unen de xeito correcto coas novas tecnoloxías, pode deixar calado a todo aquel que cuestinou ou cuestiona a dignidade desta profesión.

Pola súa parte, Duarte Romero sinala no seu artigo aparecido no suplemento Universidade que as cousas están a cambiar. O xornalismo electrónico escala postos fronte ó papel. Cuestionase o alumno da USC senón será necesario empregar novas linguaxes. Opta el na súa vida diaria por facer un "menú degustación" das novas que lle interesan na rede e non ter que mercar un xornal a diario con moitos contidos que non interesan ó lector pero que aparecen aí no intento dos medios de chegar a todo tipo de público.

miércoles, 7 de abril de 2010

Análise da aplicación Wix

A aplicación que analizamos serve para crear a túa propia páxina web en base a unha serie de plabtillas. Podemos atopala no seguinte enderezo: http://www.wix.com/noflash.html

- Hai que rexistrarse a primeira vez que entras co email e o contrasinal. Débese proporcionar tamén un nome de usuario.

- Tes a opción de cambiar os teus datos en calquera momento.

- Unha vez rexistrado, podes xa empezar a crear a túa propia páxina. Tes a opción de escoller a categoría entre diversas opcións como negocios, deseño, arte, comida, fotografía…

- Os produtos que se ofrecen son basicamente páxinas web, portafolios, cabeceiras e outros recursos.

- Hai diversas plantillas para editar. Algunhas delas son de pago e outras gratuítas. En cada unha delas aparece indicada a dificultade da creación.

- Inicialmente aparece un tutorial no que se explican os pasos para a creación da web. As posibilidades que se ofrecen son moi numerosas.

Aparecen diversas formas de guardar e publicar en diversos lugares como Twitter.

Pódes engadir fotos, galerías de imaxes, slide shows e por distintas transicións.

Nos textos tes posibilidade de escoller a tipografía que queiras, a ordenación, os parágrafos e incluso engadir notas nos textos.

A música a incluír pode ser propia, descargada ou dun link.

Ofrece a opción de escoller entre diferentes iconos.

O fondo tamén pode ser alterado e hai diferentes controladores.

Podes controlar os comentarios, permitindoos ou non.

RSS, Twitter, Google Maps, Pay-Pal (para o pago, nos casos Premium).

- Wixpedia: trátase como dunha especie de enciclopedia con todo tipo de datos sobre a páxina, máis tutoriais e diversas formas de axuda.

jueves, 4 de marzo de 2010

Participación dos lectores en La Región

Dende hai uns meses a versión on-line de La Región non permite facer comentarios en ningunha das seccións do xornal. Ata este cambio, o portal do xornal ofrecía a posibilidade de comentar cando menos nas novas de ámbito local.
Malia todo, segue aparecendo o botón de “comentario”, pero se se clica nel non acontece nada.

Existe unha excepción, a sección "Participa", onde os lectores poden mandar as súas novas e imaxes. Neste apartado si que se permiten os comentarios, pero é unha parte pouca vista e empregada. Tamén conta con debate abierto, “cuentalo”, enquisas, “recomiendalo”, chat e vídeos. Case non hai movemento en ningún deles. En xeral e unha iniciativa con pouco éxito.

Tampouco se permiten votacións das novas, pero se elaboran listas das máis lidas. Destacan as enquisas diarias, que cobraron importancia no novo deseño impreso que fixo recentemente.

Outros servizos

En cada nova aparece unha estimación do tempo de lectura, a posibilidade de ligar a peza a unha rede social, imprimila, agregala a favoritos, descargala en PDF, enviar por correo electrónico, vela cun tamaño de letra normal ou cun tamaño grande.

Tamén se confecciona un apartado denominado “palabras claves” que desempeñan a función de etiquetas, e cuxo tamaño se asocia co numero de aparicións de dita palabra.

Sinalar tamén a posibilidade de establecer diferentes suscripcións como as RSS, OPML ou ATOM.

Por último indicar a existencia dun buscador tanto da web como da rede do que pode botar man o usuario.

miércoles, 24 de febrero de 2010

A Universidade de Santiago escollerá o seu novo reitor o vindeiro 5 de maio

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela decidiu onte a través dunha resolución reitoral escoller o mércores 5 de maio como a data para a celebración das próximas eleccións a reitor. Tamén se renovará o Claustro e os diferentes consellos de departamento cos que consta a institución, tal e como se recolle no Regulamento Electoral Xeral da USC.


A Comisión Electoral Central, presidida por Gumersindo Villar, fixou na súa reunión de onte o calendario electoral que rexerá este proceso. Dito calendario comeza hoxe coa publicación do censo, sobre o que se poderán facer reclamacións ata o día 8 de marzo, para posteriormente publicar o censo electoral definitivo dez días máis tarde. Posteriormente, abrirase o prazo de presentación de candidaturas que permanecerá aberto ata o 7 de abril.


O día 19 dese mesmo mes proclamaranse as candidaturas oficiais e o día seguinte comezará a campaña electoral, que se estenderá dúas semanas. Logo da votación do día 5 de maio, habería que esperar ata o 18 para a proclamación oficial dos candidatos se algún obtivese unha improbable maioría absoluta. No caso contrario, recorreríase a unha segunda volta coas dúas candidaturas máis votadas. Tras catro novos días de campaña, o 24 será o novo día para a votación e a proclamación definitiva será o 4 de xuño.


Candidaturas


Dende outros medios apúntase ata seis posibles candidaturas, o que convertería estas eleccións nas máis concorridas de toda a historia da USC. Ademais, esperase que se presenten varias mulleres, o que non ocorrera nunca ata o momento. Entre os candidatos estarían Laura Sánchez Piñón, Mercedes Brea, Pilar Bermejo, Juan Casares Long, Xai­me Gómez Márquez e Lourenzo Fernández Prieto.


Tamén se escollerán os representantes para o Claustro e os consellos de departamento, tal e como fixou o acordo da Comisión Electoral Central. Tal e como se recolle nos Estatutos, establécese que o sistema de elección será a través do sufraxio universal ponderado, no que o persoal docente ten máis peso que os outros sectores universitarios convocados. Poderase exercer o dereito ó voto anticipado.