miércoles, 24 de febrero de 2010

A Universidade de Santiago escollerá o seu novo reitor o vindeiro 5 de maio

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela decidiu onte a través dunha resolución reitoral escoller o mércores 5 de maio como a data para a celebración das próximas eleccións a reitor. Tamén se renovará o Claustro e os diferentes consellos de departamento cos que consta a institución, tal e como se recolle no Regulamento Electoral Xeral da USC.


A Comisión Electoral Central, presidida por Gumersindo Villar, fixou na súa reunión de onte o calendario electoral que rexerá este proceso. Dito calendario comeza hoxe coa publicación do censo, sobre o que se poderán facer reclamacións ata o día 8 de marzo, para posteriormente publicar o censo electoral definitivo dez días máis tarde. Posteriormente, abrirase o prazo de presentación de candidaturas que permanecerá aberto ata o 7 de abril.


O día 19 dese mesmo mes proclamaranse as candidaturas oficiais e o día seguinte comezará a campaña electoral, que se estenderá dúas semanas. Logo da votación do día 5 de maio, habería que esperar ata o 18 para a proclamación oficial dos candidatos se algún obtivese unha improbable maioría absoluta. No caso contrario, recorreríase a unha segunda volta coas dúas candidaturas máis votadas. Tras catro novos días de campaña, o 24 será o novo día para a votación e a proclamación definitiva será o 4 de xuño.


Candidaturas


Dende outros medios apúntase ata seis posibles candidaturas, o que convertería estas eleccións nas máis concorridas de toda a historia da USC. Ademais, esperase que se presenten varias mulleres, o que non ocorrera nunca ata o momento. Entre os candidatos estarían Laura Sánchez Piñón, Mercedes Brea, Pilar Bermejo, Juan Casares Long, Xai­me Gómez Márquez e Lourenzo Fernández Prieto.


Tamén se escollerán os representantes para o Claustro e os consellos de departamento, tal e como fixou o acordo da Comisión Electoral Central. Tal e como se recolle nos Estatutos, establécese que o sistema de elección será a través do sufraxio universal ponderado, no que o persoal docente ten máis peso que os outros sectores universitarios convocados. Poderase exercer o dereito ó voto anticipado.